Tuesday 21 de May de 2024

La Vuelta Ciclista, os destinos Starlight e a nova aplicación de realidade aumentada foron os puntos fortes de Galicia na primeira xornada de Fitur


A directora de Turismo de Galicia asistiu á 36 edición da Feira Internacional de Turismo de Madrid, Fitur, un dos certames sectoriais de maior repercusión mundial

A 36 edición da Feira Internacional de Turismo de Madrid, Fitur, un dos certames sectoriais de maior repercusión mundial, celebrou a súa primeira xornada dirixida aos profesionais do sector.

O stand de Turismo de Galicia acolleu ao longo deste primeiro día de celebración un total de 16 presentacións que permitiron coñecer aos asistentes a este certame os principais destinos e produtos da oferta turística da Comunidade galega.

Así mesmo, o espazo galego acolleu as visitas de numerosas autoridades como o Embaixador de Estados Unidos, James Costos, a Ministra de Fomento, Ana Pastor, ou o Ministro de Industria, José Manuel Soria, entre outros.

Nesta primeira xornada, La Vuelta Ciclista a España, os destinos Starlight e a nova aplicación de realidade aumentada a través do móbil ‘Turismo de Galicia’ foron os puntos fortes do espazo galego neste certame.

Tamén foi protagonista no día de hoxe o novo produto turístico da Ruta da Lamprea así como a festa na que o concello de Arbo exalta este manxar galego cada ano.

O salón de actos do stand galego albergou tamén no día de hoxe presentacións dedicadas a destinos e recursos de Galicia tan importantes no reclamo dos turistas como a Costa da Morte, A Coruña ou Santiago de Compostela.

Ademais, Galicia expuxo aos visitantes a recoñecida gastronomía de Lugo coa presentación da nova guía “…E para comer Lugo” ou celebracións tan importantes para a nosa comunidade como a Feira do Xamón de A Cañiza, o Festival Celta de Ortigueira ou o salón gastronómico Xantar.

Sete etapas de La Vuelta en Galicia
A directora de Turismo de Galicia presentou o percorrido e valorou a repercusión que terá para Galicia a 71 edición de La Vuelta ciclista a España na cal a nosa comunidade ocupará un lugar destacado sendo o punto de partida deste gran acontecemento deportivo e albergando as súas sete primeiras etapas.

Nava Castro recordou que La Vuelta sairá dende o Balneario de Laias, en Cenlle, mostrando as imaxes de ‘Ourense, provincia termal’ a todas partes do mundo. Así mesmo, sinalou que as sete etapas que percorrerán as catro provincias galegas descubrirán todo o esplendor da natureza galega e as súas espectaculares paisaxes.

A responsable de Turismo da Xunta afirmou que este evento que conxuga a competición coa promoción turística por onde discorre constitúe unha oportunidade única para continuar coa traxectoria de internacionalización do destino Galicia e terá un gran impacto económico para toda a Comunidade.

Realidade aumentada a través do móbil
Outro dos puntos fortes desta primeira xornada foi a presentación da nova aplicación móbil de realidade aumentada ‘Turismo de Galicia’, unha ferramenta de axuda tanto para o turista potencial que queira coñecer Galicia como para o viaxeiro que estea xa a visitar a nosa comunidade.

A responsable de Turismo da Xunta sinalou que esta aplicación constitúe unha mostra máis da aposta de Turismo de Galicia pola innovación e o emprego das novas tecnoloxías a cal valorou como “fundamental para facer avanzar o sector turístico galego e para incrementar a nosa cota de competitividade nos mercados internacionais”.

Ruta da Lamprea
O espazo dedicado a Galicia en Fitur acolleu tamén unha presentación sobre a Ruta da Lamprea e a súa Festa de Arbo na que participou a directora de Turismo de Galicia.

A responsable de Turismo da Xunta explicou que a Ruta da Lamprea constitúe un novo proxecto turístico que implica a sete concellos da ribeira do río Miño.

Segundo sinalou Nava Castro, con esta ruta darase a coñecer o importante patrimonio que rodea a este peixe e a súa captura, permitindo descubrir desde as artes de pesca como as pesqueiras ou as estacadas, ata os lugares de interese natural e cultural, como miradoiros, paseos, pontes ou capelas, entre outros elementos que a compoñen.

A directora de Turismo de Galicia sinalou que, no seu conxunto, a Ruta da Lamprea constitúe un importante produto turístico ampliará, non só a oferta turística destes concellos, senón tamén da Comunidade galega en xeral, a partir deste peixe que representa un recurso endóxeno moi característico de Galicia.